07/09/2022 - 30/11/2022
Fomento do autocoidado e do uso das novas tecnoloxías en persoas con enfermidadees mental grave e prolongada
Continuación dun proxecto anterior tamén financiado pola Deputación de Ourense, búscase acadar unha mellora considerable na autosuficiencia de persoas con enfermidade mental mediante a súa participación en obradoiros curtos e amenos nos que aprendan certas tarefas que, pola súa condición, parecen lonxe do seu alcance pero que realmente non o están, sendo unicamente necesaria unha estratexia de apoio constante durante o proceso de aprendizaxe.
PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES SOCIAIS PARA PROXECTOS DE PRESTACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS 2022
COFINANCIADO POR
As persoas que padecen unha enfermidade mental sofren unha discriminación negativa (actitude social de rexeitamento), ademais do autoestigma que poden sentir elas mesmas. Estímase que entre o 20 e o 25% da poboación española padecerá algún tipo de trastorno psiquiátrico ao longo da súa vida.
Moitas persoas que sofren enfermidades mentais graves e prolongadas acaban padecendo discapacidades crónicas nas funcións cognitivas e nas capacidades intelectuais en xeral. Son tamén comúns os sentimentos de illamento e soidade e a difucultade para realizar dunha maneira axeitada o autocoidado. Todos estes déficits repercuten de forma negativa e significativa nas esferas laboral, económica, familiar, social e psicolóxica, xerando en ocasións a busca de apoio social. Á hora de facer fronte a sucesos que producen estrés, as relacións sociais son un recurso sumamente relevante posto que o apoio social ofrece múltiples beneficios sobre o benestar físico e psicolóxico.
O uso das novas tecnoloxías demostrou ser unha estratexia axeitada para brindar soporte social, proporcionando significativas vantaxes e beneficios para o paciente. As tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) pasaron a ocupar unha grande parte da vida cotiá das persoas, xa que aportan elementos positivos como acceso á información e diversión, favorecen as relacións sociais e incentivan a comunicación. O incremento de información en formato dixital implica unha maior fenda dixital e separación da sociedade de quen non empregas as TIC na súa vida diaria. Internet e o uso do ordenador poden mellorar o acceso á información dos pacientes con discapacidade. Porén, tendo en conta a totalidade de persoas con algún tipo de discapacidade, ben sexa física ou psicolóxica, as persoas con enfermidade mental son o segundo grupo coa taxa máis baixa de uso do ordenador..
O proxecto consiste en impartir obradoiros para mellorar o desempeño do autocoidado e fomentar o uso das novas tecnoloxías en persoas con enfermidade mental grave e prolongada. Cada obradoiro será dirixido por profesionais especialistas na temática a tratar. A programación inicial dos obradoiros, susceptible de modificacións en función da posible detección nos cuestionarios iniciais de determinadas carencias non previstas, inclúe temáticas como coidado da pel, do cabelo, hixiene bucodental, usos básicos do ordenador e do teléfono móbil, correo electrónico, redes sociais, etc..